Mellora as túas fotos de produto co móbil: guía completa para emprendedoras e pequenas marcas
Nun mundo cada vez máis visual, a imaxe dun produto é moito máis que un elemento decorativo. É, en moitos casos, o primeiro contacto real que un posible cliente terá coa túa marca. A fotografía de produto convértese así nunha ferramenta clave para xerar confianza, transmitir profesionalidade e provocar desexo de compra. Mellora as túas fotos de produto co móbil de xeito sinxelo con esta guía. Aquí aprenderás como facer boas fotos co móbil, sen necesidade de equipos caros nin edicións imposibles. Só precisas tempo, intención e algúns consellos prácticos que che axudarán a dar un salto de calidade.
Por que deberías coidar as túas fotos de produto?
As persoas compran co que ven. Unha fotografía pouco coidada pode facer que o teu produto pase desapercibido ou, peor aínda, que transmita falta de coidado ou pouca calidade, aínda que o produto sexa excelente.
Unha boa foto, pola contra, consegue:
-
Atraer a atención entre milleiros de imaxes.
-
Transmitir valores de marca: naturalidade, elegancia, orixinalidade…
-
Xerarlle ao cliente unha imaxe mental clara do que vai recibir.
-
Aumentar as posibilidades de que comparta a túa publicación ou garde o produto para máis adiante.
-
Mellorar o aspecto da túa tenda online ou perfil social.
-
Facilitar a aparición nos buscadores, tanto por SEO como por imaxes.
A fotografía é, por tanto, comunicación. E no caso de pequenas marcas, é unha das máis poderosas.
Podo facer fotos profesionais só co móbil?
Si. Os móbiles actuais teñen cámaras de alta calidade que, ben aproveitadas, poden dar resultados espectaculares. O que marca a diferenza non é tanto o dispositivo como o coidado dos seguintes elementos: luz, fondo, composición, edición e estilo. Imos ver cada un deles con detalle.
A importancia da luz: o elemento clave
A luz é, sen dúbida, o factor máis importante á hora de facer unha boa fotografía. De nada serve ter un móbil caro se a iluminación non acompaña.
O ideal é traballar con luz natural suave. Iso significa evitar tanto o sol directo como as sombras moi marcadas. A mellor luz adoita ser a que entra por unha ventá durante as primeiras horas da mañá ou a última hora da tarde. Se a luz é demasiado intensa, podes colocar unha cortina branca ou unha tea translúcida para suavizala.
A luz debe incidir lateral ou frontalmente sobre o produto. Nunca por detrás, a non ser que queiras un efecto contraluz (que adoita escurecer demasiado o obxecto). Se colocas a luz de lado, conseguirás volume e sombras suaves, o que achega realismo e textura.
Un truco sinxelo pero moi efectivo é colocar unha cartolina ou un folio branco no lado contrario á luz para reflectila e suavizar as sombras do produto. É o que se coñece como reflectores, e non necesitas nada profesional para facelo na casa.
Evita o uso do flash integrado no móbil e tamén as luces artificiais de tipo cálido (as típicas luces amarelas da casa), xa que distorsionan as cores reais.
O fondo: limpa, simplifica e destaca
Un fondo coidado e ben escollido consegue que o produto sexa o verdadeiro protagonista da imaxe.
Un fondo non é só un espazo baleiro. É unha extensión do teu universo de marca. Se vendes cosmética natural, pode ter sentido empregar madeiras, teas naturais, papel kraft… Se vendes papelería, pode que un fondo branco ou de cores pastel funcione mellor.
Ideas de fondos efectivos:
-
Cartolinas lisas de cores neutras (branco, beis, gris claro).
-
Texturas suaves: madeira clara, papel reciclado, tea de liño.
-
Fondos con contexto: unha mesa bonita, unha bandeixa, unha superficie sinxela que simule un espazo real.
O que deberías evitar:
-
Fondos moi recargados ou desordenados.
-
Obxectos sen relación co produto que distraen ou confunden.
-
Cores moi intensas que compitan co artigo.
Menos é máis. Un fondo sinxelo e coidado sempre vai funcionar mellor que un fondo “creativo” pero caótico.
A composición: como contar unha historia co teu produto
A forma na que colocas os elementos dentro da foto é o que se coñece como composición. Aquí non hai regras ríxidas, pero si algúns principios que axudan:
-
Sitúa o produto de forma que se entenda ben e quede claro cal é o foco.
-
Usa espazo negativo (zonas libres arredor) para que a foto respire.
-
Proba coa regra dos terzos: imaxina que divides a imaxe en 3 franxas horizontais e 3 verticais, e coloca o produto nunha das interseccións.
-
Engade elementos complementarios (props), pero con intención.
Os props son obxectos decorativos que acompañan o produto e axudan a crear atmosfera. Por exemplo, unha flor seca xunto a unha vela, unha taza con café a carón dunha postal ou unha caixa de cartón reciclado con xabóns naturais.
É importante que estes elementos non compitan co produto nin lle rouben protagonismo. Deberían reforzar a mensaxe que queres transmitir.
Ángulos e perspectiva: atopa o mellor perfil
Non todos os produtos lucen ben dende o mesmo punto de vista. Proba distintos ángulos ata dar co que mellor se adapta ao que vendes.
-
Cenital: a cámara directamente sobre o produto. Ideal para flatlays (fotos planas de papelería, cosmética, comida…).
-
Frontal: á mesma altura que o produto. Funciona ben con obxectos verticais.
-
Lixeiramente picado (uns 45 graos): moi versátil, combina superficie e fondo.
-
Close-up ou detalle: para destacar texturas, acabados ou detalles pequenos.
-
En contexto: mostrando o produto no seu uso real ou nun ambiente coidado.
Fai varias fotos e logo escolle con calma. Non te quedes coa primeira toma.
Mostrar o produto en contexto
As persoas necesitan imaxinar como sería ter ou usar ese produto. Unha vela acesa nunha mesa, un colar posto, un caderno aberto cun boli enriba… todo isto axuda a crear unha conexión máis emocional co produto.
Estas fotos complementan ás imaxes principais sobre fondo neutro. Podes combinalas en carruseles ou mesmo na túa tenda online.
O estilo visual: identidade e coherencia
Cando todas as túas fotos seguen unha mesma liña estética, estás creando marca. Iso chámase coherencia visual, e fai que o teu contido sexa recoñecible sen necesidade de ler o nome da conta.
Para manter o estilo, podes:
-
Escoller unha paleta de cores principal e mantela.
-
Usar sempre os mesmos tipos de fondo e iluminación.
-
Editar todas as fotos do mesmo xeito.
-
Escoller un estilo claro: minimalista, natural, rústico, elegante, colorido…
Se cada foto parece dun universo distinto, o conxunto perde forza. O ideal é que, ao mirar o teu perfil ou a túa web, se perciba unha unidade visual clara.
A edición: mellorar sen disfrazar
A edición debe servir para mellorar a foto, non para facer que o produto pareza outra cousa. O cliente debe recibir o que viu.
Aconséllase tocar só os axustes básicos:
-
Brillo
-
Contraste
-
Nitidez
-
Temperatura de cor (evitar tons demasiado fríos ou cálidos)
Evita filtros moi marcados. A xente debe recoñecer o produto real, sobre todo se o vai mercar.
Aplicacións recomendadas:
-
Snapseed: fácil, intuitiva e potente.
-
Lightroom Mobile: máis avanzada, ideal para crear axustes personalizados.
-
O editor do móbil: ás veces é suficiente para os axustes básicos.
Outros detalles que mellora as túas fotos de produto co móbil
-
Renomea os arquivos antes de subilos á túa web: unha foto chamada “vela-natural-aroma-laranxa.jpg” será moito máis útil para o SEO que “IMG_8462.jpg”.
-
Coida o packaging nas fotos. Se é bonito e coidado, forma parte do produto e da experiencia de compra.
-
Mostra o tamaño real do produto, usando obxectos de referencia ou mans.
-
Fai moitas fotos e logo selecciona: a boa nunca adoita ser a primeira.
-
Publica o contido seguindo unha planificación visual e estratéxica, especialmente se o vas usar en redes.
Non se trata de ser fotógrafa profesional, senón de poñer intención, coidado e criterio. Cun móbil, luz natural e un pouco de práctica, podes conseguir fotografías que transmitan valor, coidado e profesionalidade.
As túas fotos contan unha historia, e ti decides como queres que sexa.
E se todo isto che soa ben pero sabes que non vas ter tempo ou paciencia… En Redeiras tamén facemos fotos de produto coidando cada detalle para que a túa marca brille como merece.