Mellora as túas fotos de produto co móbil: guía completa para emprendedoras e pequenas marcas Nun mundo cada vez máis visual, a imaxe dun produto é moito máis que un elemento decorativo. É, en moitos casos, o primeiro contacto real que un posible cliente terá coa túa marca. A fotografía de produto convértese así nunha ferramenta clave para xerar confianza, transmitir profesionalidade e provocar desexo de compra. Mellora as túas fotos de produto co móbil de xeito sinxelo con esta guía. Aquí aprenderás como facer boas fotos co móbil, sen necesidade de equipos caros nin edicións imposibles. Só precisas tempo, intención e algúns consellos prácticos que che axudarán a dar un salto de calidade. Por que deberías coidar as túas fotos de produto? As persoas compran co que ven. Unha fotografía pouco coidada pode facer que o teu produto pase desapercibido ou, peor aínda, que transmita falta de coidado ou pouca calidade, aínda que o produto sexa excelente. Unha boa foto, pola contra, consegue: Atraer a atención entre milleiros de imaxes. Transmitir valores de marca: naturalidade, elegancia, orixinalidade… Xerarlle ao cliente unha imaxe mental clara do que vai recibir. Aumentar as posibilidades de que comparta a túa publicación ou garde o produto para máis adiante. Mellorar o aspecto da túa tenda online ou perfil social. Facilitar a aparición nos buscadores, tanto por SEO como por imaxes. A fotografía é, por tanto, comunicación. E no caso de pequenas marcas, é unha das máis poderosas. Podo facer fotos profesionais só co móbil? Si. Os móbiles actuais teñen cámaras de alta calidade que, ben aproveitadas, poden dar resultados espectaculares. O que marca a diferenza non é tanto o dispositivo como o coidado dos seguintes elementos: luz, fondo, composición, edición e estilo. Imos ver cada un deles con detalle. A importancia da luz: o elemento clave A luz é, sen dúbida, o factor máis importante á hora de facer unha boa fotografía. De nada serve ter un móbil caro se a iluminación non acompaña. O ideal é traballar con luz natural suave. Iso significa evitar tanto o sol directo como as sombras moi marcadas. A mellor luz adoita ser a que entra por unha ventá durante as primeiras horas da mañá ou a última hora da tarde. Se a luz é demasiado intensa, podes colocar unha cortina branca ou unha tea translúcida para suavizala. A luz debe incidir lateral ou frontalmente sobre o produto. Nunca por detrás, a non ser que queiras un efecto contraluz (que adoita escurecer demasiado o obxecto). Se colocas a luz de lado, conseguirás volume e sombras suaves, o que achega realismo e textura. Un truco sinxelo pero moi efectivo é colocar unha cartolina ou un folio branco no lado contrario á luz para reflectila e suavizar as sombras do produto. É o que se coñece como reflectores, e non necesitas nada profesional para facelo na casa. Evita o uso do flash integrado no móbil e tamén as luces artificiais de tipo cálido (as típicas luces amarelas da casa), xa que distorsionan as cores reais. O fondo: limpa, simplifica e destaca Un fondo coidado e ben escollido consegue que o produto sexa o verdadeiro protagonista da imaxe. Un fondo non é só un espazo baleiro. É unha extensión do teu universo de marca. Se vendes cosmética natural, pode ter sentido empregar madeiras, teas naturais, papel kraft… Se vendes papelería, pode que un fondo branco ou de cores pastel funcione mellor. Ideas de fondos efectivos: Cartolinas lisas de cores neutras (branco, beis, gris claro). Texturas suaves: madeira clara, papel reciclado, tea de liño. Fondos con contexto: unha mesa bonita, unha bandeixa, unha superficie sinxela que simule un espazo real. O que deberías evitar: Fondos moi recargados ou desordenados. Obxectos sen relación co produto que distraen ou confunden. Cores moi intensas que compitan co artigo. Menos é máis. Un fondo sinxelo e coidado sempre vai funcionar mellor que un fondo “creativo” pero caótico. A composición: como contar unha historia co teu produto A forma na que colocas os elementos dentro da foto é o que se coñece como composición. Aquí non hai regras ríxidas, pero si algúns principios que axudan: Sitúa o produto de forma que se entenda ben e quede claro cal é o foco. Usa espazo negativo (zonas libres arredor) para que a foto respire. Proba coa regra dos terzos: imaxina que divides a imaxe en 3 franxas horizontais e 3 verticais, e coloca o produto nunha das interseccións. Engade elementos complementarios (props), pero con intención. Os props son obxectos decorativos que acompañan o produto e axudan a crear atmosfera. Por exemplo, unha flor seca xunto a unha vela, unha taza con café a carón dunha postal ou unha caixa de cartón reciclado con xabóns naturais. É importante que estes elementos non compitan co produto nin lle rouben protagonismo. Deberían reforzar a mensaxe que queres transmitir. Ángulos e perspectiva: atopa o mellor perfil Non todos os produtos lucen ben dende o mesmo punto de vista. Proba distintos ángulos ata dar co que mellor se adapta ao que vendes. Cenital: a cámara directamente sobre o produto. Ideal para flatlays (fotos planas de papelería, cosmética, comida…). Frontal: á mesma altura que o produto. Funciona ben con obxectos verticais. Lixeiramente picado (uns 45 graos): moi versátil, combina superficie e fondo. Close-up ou detalle: para destacar texturas, acabados ou detalles pequenos. En contexto: mostrando o produto no seu uso real ou nun ambiente coidado. Fai varias fotos e logo escolle con calma. Non te quedes coa primeira toma. Mostrar o produto en contexto As persoas necesitan imaxinar como sería ter ou usar ese produto. Unha vela acesa nunha mesa, un colar posto, un caderno aberto cun boli enriba… todo isto axuda a crear unha conexión máis emocional co produto. Estas fotos complementan ás imaxes principais sobre fondo neutro. Podes combinalas en carruseles ou mesmo na túa tenda online. O estilo visual: identidade e coherencia Cando todas as túas fotos seguen unha mesma liña estética, estás creando marca. Iso chámase coherencia visual, e fai
Extensións de Google. Que son e cómo poden axudarte no teu día a día
Extensións de Google. Que son e cómo poden axudarte no teu día a día. No mundo dixital actual, as ferramentas que simplifiquen as tarefas diarias son fundamentais, especialmente para pequenos empresarios e emprendedores que xestionan os seus negocios de maneira independente. Unha das vantaxes de usar Google como plataforma de traballo é a ampla variedade de extensións dispoñibles para mellorar a produtividade e facilitar o día a día. Pero que son exactamente estas extensións de Google e como poden beneficiar o teu negocio? Que son as extensións? As extensións de Google son pequenas aplicacións que se engaden ao navegador Google Chrome. Estas ferramentas permiten personalizar e mellorar a funcionalidade do navegador para adaptalo ás túas necesidades específicas. Hai extensións para case todo: organización do tempo, xestión de redes sociais, seguridade, e mesmo para tarefas como crear contrasinais seguros. Ao instalar unha extensión de Google, o que realmente estás facendo é sumar unha nova ferramenta á túa caixa de recursos dixitais. A mellor parte? Moitas destas extensións son gratuítase fáciles de usar, o que as fai ideais para emprendedores con poucos recursos ou experiencia tecnolóxica. As nosas extensións de Google de cabeceira. 1. Google Keep Esta extensión é ideal para xestionar notas e tarefas de maneira sinxela. Podes gardar ideas, listas de tarefas ou recordatorios e sincronizalos automaticamente co teu móbil ou outros dispositivos. É unha ferramenta perfecta para manter o control das túas responsabilidades, mesmo cando estás en constante movemento. 2. Grammarly Para emprendedores que necesitan escribir correos, publicar en redes sociais ou elaborar documentos, Grammarly é un aliado esencial. Esta extensión revisa a ortografía e a gramática en tempo real, asegurándose de que a túa comunicación sexa profesional e clara. 3. LastPass Manter os contrasinais seguros e organizados pode ser un reto, pero LastPass simplifícao. Esta extensión garda de maneira segura os teus contrasinais e pódeche xerar outros máis fortes, para que non teñas que lembrar de todos. Ademais, permite acceder a eles desde calquera dispositivo. 4. Screen Recorder: Grava e comparte con facilidade Se necesitas gravar o que aparece na túa pantalla, Screen Recorder é unha excelente opción. Esta extensión permite capturar vídeos da túa pantalla de forma sinxela, ideal para crear tutoriais, explicar procesos ou resolver dúbidas a distancia. Ademais, podes compartir os vídeos directamente con quen necesites. 5. Image Downloader: Descarga imaxes rapidamente Para quen traballa con contidos visuais, Image Downloader é unha ferramenta imprescindible. Esta extensión permite descargar múltiples imaxes dunha páxina web cun só clic, aforrando tempo e esforzo. É perfecta para recoller recursos visuais para proxectos ou redes sociais. 6. Momentum Se che custa manter a concentración, Momentum transforma a túa páxina de inicio de Chrome nun espazo inspirador, cunha fermosa imaxe, unha cita motivadora e unha lista de tarefas personalizada. É unha excelente maneira de comezar o día co pé dereito e manterte enfocado nas túas prioridades. Como instalar extensións de Google Chrome? Instalar unha extensión de Google é moi sinxelo: Abre o navegador Google Chrome. Vai á Chrome Web Store (https://chrome.google.com/webstore). Busca a extensión que desexas instalar. Fai clic en Engadir a Chrome e confirma a acción. Unha vez instalada, verás o icono da extensión na parte superior dereita do navegador. As extensións de Google son ferramentas potentes e accesibles que poden simplificar moito o día a día dun pequeno empresario. Desde mellorar a organización ata optimizar a xestión de redes sociais ou garantir a seguridade online, estas aplicacións son un recurso que paga a pena explorar. Non perdas a oportunidade de implementar estas extensións no teu negocio e dar un paso máis cara á eficiencia e o éxito no mundo dixital. Descubre o potencial das extensións de Google Chrome hoxe mesmo!
Uso de hashtags en Instagram
QUE SON OS HASHTAGS E O SEU USO Antes de ver o uso dos hashtags en Instagram, imos ver que son exactamente. Son palabras ou grupos de palabras precedidas polo símbolo # que se empregan para contextualizar ou identificar un determinado contido. Inicialmente foi creado para Twitter pero o seu uso se estendeu a outras Redes Sociais e aplicacións. Identifican mensaxes que teñan que ver con determinado tema Clasifican o contido Facilitan as procuras Pódense medir para coñecer o seu alcance OS BENEFICIOS PRINCIPAIS Axudan a posicionar a túa marca Podes clasificar contidos Dan visibilidade ás túas publicacións Podes chegar a xente que non te coñece TIPOS DE HASHTAGS: DE MARCA: Son os que identifican unicamente á túa marca e que a definen. Empregalos é recomendable para agrupar os teus contidos ou os contidos que publiquen outros sobre ti ou o teu produto. DE CAMPAÑA: Empréganse para dar visibilidade a un evento, promoción… cunha duración determinada. HASHTAGS XERAIS DE SECTOR, PRODUCTO OU SERVIZO: Identifican o sector da túa marca ou empresa, a súa filosofía ou valores ou a localización se tes un negocio local. DE CLIENTES: Serven para chegar ao teu cliente potencial. COMO EMPREGALOS O primeiro consello de uso de hashtags en Instagram é que sempre os utilices, unha publicación con a lo menos un, chegará a un 12% máis de contas. Busca, tendo en conta os catro tipos de hastags que hai, palabras clave que se poidan relacionar con estes catro puntos. Non uses hashtags moi xenéricos porque se perderán nin moi específicos porque terán pouca visibilidade. Pon hashtags que definan o teu negocio ou marca, que contextualicen a túa publicación e non esquezas os que fan referencia ao teu cliente potencial!! Emprega as suxestións que che ofrece Instagram no seu buscador para atopar hashtags relacionados (tendo en conta sempre o número de publicacións) Procura varialos, desta maneira irás chegando a nova audiencia. Non uses hashtags “spam” pois corres o risco de que o algoritmo te penalice. Ademáis esta clase nunca chega ao teu cliente potencial. Exemplos: #like4like #picoftheday… algúns están incluso prohibidos por Instagram. Podes consultalos nesta ligazón Se subes contido ás historias de Instagram, utiliza un único hashtag Aínda que Facebook permite o seu uso, persoalmente penso que non resulta demasiado estético e non vai axudar ao alcance. Aproveito para comentar que, se tes unha marca ou negocio, non debes aproveitar a publicación de Instagram para o Facebook. Agardo que este contido sexa de utilidade para ti. Podes deixar en comentarios calquera dúbida que estaremos encantadas de axudarche. E se queres sacar todo o proveito ás túas Redes Sociais, contacta con nós e falaremos das distintas opcións para gañar visibilidade e, en consecuencia, aumentar as túas posibilidades de venda!!
Sobre o comercio electrónico
ESTÁS A PENSAR NA POSIBILIDADE DE DAR O SALTO Á VENDA POR INTERNET? Segue lendo… Que é unha tenda online? O primeiro que temos que ter claro é que unha páxina web non é unha tenda online. Na páxina web podemos amosar a nosa empresa, os produto e/ou servizos que ofertamos, a localización do noso negocio, formularios de contacto… Estaríamos falando dunha web corporativa. Este tipo de webs son tamén importantes pois, tendo en conta a situación actual, a presenza en internet é indispensable. Sen embargo, a tenda online é unha páxina feita para vender e vender soa, as súas características e deseño oriéntanse a que sexa o cliente o que faga o proceso de compra. A empresa encargarase simplemente do envío do produto. A priori parece sinxelo, mais hai moitos factores a ter en conta. Características técnicas dunha tenda online que resulte rendible Usabilidade. A experiencia do posible comprador navegando pola nosa tenda ten que ser sinxela e intuitiva. O cliente debería atopar o que busca rapidamente e sen moitas complicacións. Deberíamos axudalo con ferramentas como filtros, buscadores internos… Presentación atractiva. Aínda que relacionado coa usabilidade é diferente. Neste caso falamos da estética. Da mesma maneira que un escaparate atractivo fai que entremos nunha tenda, unha web cun deseño traballado e tendo en conta os perfiles dos nosos potenciais compradores, resulta fundamental. Con toda a información e sempre actualizada. Unha das desvantaxes da compra por internet, é a imposibilidade de tocar o produto. Con fotos, vídeos, descricións temos que conseguir que o usuario se poida facer unha idea do que vai mercar. Plataformas de pago seguras. Que dan confianza ao cliente. Outros factores importantes Atención ao cliente. Aínda que non tratemos con el de forma presencial, é fundamental ofrecer un bo servizo unha vez realizada a compra, atender as súas consultas, ofrecer alternativas… Emprego das RRSS. Engaden confianza, proximidade, permítenos facer publicidade para aumentar o tráfico de clientes… Vantaxes de “dar o salto” á venda por internet Os teus artigos/servizos chegarán a moitísima máis xente. Poderás aumentar o teu número de clientes potenciais de maneira exponencial. Aberto 24 horas ao día/7 días á semana. As túas ventas poderanse facer non só en calquera lugar se non a calquera hora. Comunicacións electrónicas. Podemos informar aos nosos clientes de maneira automática e de balde. Información analítica. Internet nos permite estar ao tanto do que está a funcionar e do que non, que é o que máis buscan os nosos clientes, que lles chama a atención ou en que momento abandonan a nosa tenda… Distribución sinxela. Ligazóns de interese http://www.ey.com/Publication/vwLUAssets/ey-informe-de-evolucion-y-perspectivas-ecommerce-2017/$FILE/ey-informe-de-evolucion-y-perspectivas-ecommerce-2017.pdf https://elpais.com/economia/2017/07/07/actualidad/1499416566_148415.html Quéresnos solicitar orzamento sen compromiso?
Benvid@s!
Dámosche a benvida ao noso blog, aquí poderás ler artigos que consideramos de interese sobre os nosos ámbitos profesionais. Tecemos as redes coas que capturarás os mellores resultados! Ofrecemos servizos integrais de deseño e marketing, adaptándonos as túas necesidades: desde proxectos globais a creacións puntuais. Queremos pór a túa disposición a nosa creatividade e experiencia -que supera xa os 10 anos de traballo- no eido da comunicación visual, así como ofrecerche solucións axeitadas para ter unha boa presenza online e accións de marketing adaptadas aos medios dixitais.